29N / calculadora de afinidad
← Propuestas de BNG

Programa 2026 de BNG · página 11 de 91

Abrir el PDF en esta página ↗

2. DEREITO A UNHA VIDA DIGNA Un dos obxectivos estratéxicos do BNG é a conquista dunha sociedade máis xusta, equitativa, accesíbel e inclusiva que garanta condicións de vida e de traballo dignas para a xente deste país. Porén, a realidade social e económica sitúa na actualidade milleiros de persoas galegas na precariedade.

O contexto actual está marcado por un profundo empobrecemento social froito do incremento desorbitado dos prezos, non así dos salarios e pensións. Así o reflicten os datos.

Mentres a última cifra oficial sitúa o IPC en Galiza no 5,5%, moi por riba da media do Estado (4,9); as traballadoras e traballadores galegos e as persoas pensionistas do noso país, viron reducir o seu poder adquisitivo pois os salarios e as pensións non se revalorizaron do mesmo xeito.

Actualmente, ter un traballo e un salario non garante que as maiorías sociais galegas teñan unhas condicións de vida digna pois, entre outras cuestións, a vivenda converteuse no principal vector de exclusión. A emerxencia habitacional na que nos atopamos é resultado das políticas públicas que desde o Goberno español e a Xunta de Galiza, fixeron dun dereito fundamental como a vivenda, un grande negocio para a especulación.

Neste contexto, para o BNG constitúe unha prioridade política a recuperación de dereitos roubados ás maiorías sociais ampliándoos con outros novos que abrangan todos os ámbitos das nosas vidas.

2.1 VIVENDA O acceso a unha vivenda converteuse nunha das principais causas de exclusión social. Neste senso, lonxe de estar garantida como dereito, a vivenda é, na actualidade e desde hai anos, un ben para a especulación e un enorme aspirador de rendas.

De feito, as familias galegas xa teñen que destinar máis do 31% do que ingresan a pagar a vivenda na que viven e os gastos derivados dela. Uns custes que, segundo o INE, aumentaron o 10% nun só ano.