29N / calculadora de afinidad
← Propuestas de BNG

Programa 2026 de BNG · página 71 de 91

Abrir el PDF en esta página ↗

7. LINGUA E CULTURA A plena normalización da nosa lingua é un obxectivo prioritario e que debe ser asumido como tal por todas as Administracións públicas e polo conxunto da nosa sociedade. Porén, a Administración do Estado é unha fonte permanente de trabas e de obstáculos para o uso do galego con normalidade e para o respecto dos dereitos lingüísticos de galegas e dos galegos.

Nese sentido, en canto Galiza non tiver a plena capacidade de decidir sobre a política lingüística necesaria para garantir a normalización, o BNG traballará por:

Impulsar un plan estatal de apoio aos medios de comunicación en linguas minoradas.

Garantir a presenza regular da lingua e das producións culturais galegas na RTVE, tanto nas desconexións para Galiza como na programación para todo o Estado.

Incrementar as horas de desconexión territorial en galego na TVE, no horizonte de crear un novo canal de TV en galego.

Recuperar a Radio4, emisora da RNE en galego.

Incluír o galego como opción na programación do ClanTV.

Garantir e incrementar a liña de axudas dirixida especificamente a longametraxes, curtametraxes e producións audiovisuais en galego por parte do Ministerio de Cultura.

Reformar a Lei do audiovisual para garantir a plena igualdade de todas as linguas oficiais do Estado. Exixir ás plataformas a dispoñibilidade das producións do seu catálogo con dobraxe e lexendaxe en galego, especialmente nos contidos dirixidos ao público infantil, ademais de mellorar a definición e regulación das produtoras independentes e a promoción e normalización da lingua galega no mundo audiovisual.

Impulsar os convenios para o ensino do galego como segundo idioma na educación secundaria e nas Escolas Oficiais de Idiomas noutros territorios do Estado.

De forma especial, garantir a sinatura de convenios para ensino do galego en toda a etapa educativa nos territorios galegofalantes de comunidades limítrofes.

Aumentar o cofinanciamento das institucións lingüísticas e culturais do noso país.

LINGUA E CULTURA ·