Vai ser moi difícil de explicar a futuras xeracións porque existen dous lagos na mesma provincia, onde fai menos de vinte anos, non había ningún. Todo isto froito da explotación a ceo aberto das minas de lignito de Cerceda e As Pontes para alimentar cadansúa central térmica.
San Finx en Lousame e Monte Neme en Carballo, con cadansúa rotura de balsas, e incluso A Penouta, en Viana do Bolo, coas filtracións cara o río Miño, son mostra do desleixo e irresponsabilidade dun sector de enclave no noso país.
A crecente demanda de materias primas estratéxicas non responde unicamente ás transicións enerxética e dixital, senón tamén á ambición armamentística da Unión Europea, que pretende ampliar aceleradamente a súa capacidade industrial militar e garantir o subministro de minerais imprescindíbeis para fabricar armamento, tecnoloxía aeroespacial e sistemas de defensa.
Neste contexto, a declaración de proxectos mineiros como «estratéxicos» resulta especialmente lesiva para Galiza; reduce os prazos de autorización, facilita o acceso ao financiamento e outórgalles de antemán a consideración de interese público, chegando mesmo a permitir que ese suposto interese prevaleza sobre afeccións á auga, aos hábitats e á biodiversidade.
Este procedemento condiciona a avaliación ambiental antes de que se analicen todas as consecuencias, debilita a participación social e corre o risco de converter o territorio galego nunha zona de sacrificio ao servizo do rearme europeo e dos intereses das multinacionais mineiras, sen garantir control público, transformación industrial no país nin beneficios duradeiros para as comunidades afectadas.
Ao igual que no eido enerxético, Galiza debe ter poder de decisión total sobre un sector estratéxico, como é o da minaría e garantir que os beneficios das materias primas sirvan para pechar ciclos produtivos no país, creando emprego de calidade e riqueza local, e como non pode ser doutra maneira, preservando o medio ambiente e garantindo a participación social.
Por isto propoñemos a modificación da lei básica da minaría do estado coas seguintes demandas:
Declarar as materias primas críticas e estratéxicas bens de dominio público de especial interese, sometendo o seu A ECONOMÍA AO SERVIZO DAS MAIORÍAS SOCIAIS ·