públicos de interese xeral, en defensa de maiores cotas de democracia.
Desde o BNG apoiamos todas aquelas iniciativas reivindicativas para lograr a conservación, a implantación e a extensión dos dereitos civís, económicos, políticos, sociais e culturais, en franco retroceso durante as últimas décadas. Temos a vontade e a convicción firme de que a protección e a extensión de tales dereitos está intimamente conectada cun respecto real e verdadeiro aos dereitos humanos. Por este motivo, o noso compromiso é e será ineludíbel.
2.8.1. DEREITOS E LIBERDADES CÍVICAS.
Derrogación íntegra da Lei Mordaza por favorecer a discrecionalidade policial, a criminalización do dereito de reunión e manifestación e afondar na indefensión das e dos cidadáns. Especialmente a supresión da desobediencia e resistencia á autoridade, que é considerada unha infracción grave, igual que a negativa a identificarse ou a falta de consideración a algún axente das Forzas e Corpos de Seguranza do Estado. Debe tamén prohibirse o uso de pelotas de goma, as devolucións en quente e eliminarse o principio de presunción de veracidade que se outorga ás declaracións (denuncias, actas ou atestados) das e dos axentes.
Derrogación da prisión permanente revisábel , por ser unha forma encuberta de manter a cadea perpetua e ir en contra do principio de reinserción social, así como das medidas de liberdade vixiada unha vez cumprida a pena, baseadas nunha análise subxectiva sobre a “perigosidade” das persoas e en contradición cos principios de rehabilitación e de reinserción social. Así mesmo, traballar para que se garanta o cumprimento das penas impostas aos galegos e galegas en Galiza, ademais do traslado dos que xa están a cumprir penas de prisión noutros territorios do Estado.
Derrogación do delito de desordes públicas agravadas , por limitar e afectar o libre exercicio dos dereitos fundamentais de reunión e manifestación, así como do resto de condutas tipificadas como delito que atentan directamente contra o dereito de liberdade de expresión (inxurias contra a Coroa, os Exércitos, as Forzas e Corpos de Seguranza, o Goberno e outras institucións do Estado, do escarnio de crenzas relixiosas ou das denominadas ofensas ou aldraxes aos símbolos nacionais, entre outros).